Presentacion

Haberá en Desde Albion para Galiza comentarios conectados en xeral có patriarcado.

O patriarcado é un sistema de dominación e tirania que se impuxo no mundo desde tempos inmemoriais e funciona en detrimento da humanidade. Esmaga o espírito de criación, sementa inxusticia e asenta xerarquias baseadas en superioridades e inferioridades natas. O patriarcado mutila e escraviza ás mulleres e incapacita e deforma aos homes. Para sair del haberia que analizalo en todas as estructuras da sociedade e en cada un de nós, porque está en todo e en todos e todas: a esquerda é tan patriarcal como a direita e as mulleres son tan patriarcais como os homes.

Como descobrin o patriarcado? Até meiados dos anos noventa, cando eu xa andaba polos cincoenta e pico, para min o patriarcado soaba a cousa antiga e sen significado especial. Nunca tería imaxinado que aí estaba a peza clave que me faltaba cando me prantexaba os temas relacionados coa educación ou a vida e os direitos das mulleres que me preocupaban.

O de que me faltaba unha peza fundamental para entender o mundo vinno de súpeto, como un lóstrego, aló polo ano 1985, e quedoume gravado na memoria. Eu estaba pasando uns días na masía duns amigos en Girona e alí estaba tamén un visitante italiano có que parolei moito e que nalgun momento me perguntou que planeaba escreber. Díxenlle, porque nesa conversa decateime por vez primeira de que así era, que naquel momento tiña unha sensación fortísima de que me faltaba unha peza moi importante no razoamento para entender as cuestións das que quería escreber sobre mulleres, homes, educación e criatividade. Era como saber que do outro lado da xanela pola que estaba mirando había algo que non vía, e que sen iso non podería entender nada.

Pasou o tempo e arredor do 1994, en Londres, eu estaba escribindo un libro no que saían eses temas que me preocupaban e, como sempre, chegaba un momento en que non me cadraban as pezas do razoamento. Empezaron daquela, de súpeto, a sair libros, escritos por mulleres feministas, nos que se descobría que o incesto e o abuso sexual  eran habituais nas familias de todas as clases sociais e non cousa dos pobres e ignorantes que vivían amoreados nas covas, como pensabamos antes.  Apresentábase isto dentro do feminismo como un exemplo máis do abuso e maltrato das mulleres por parte dos homes, pero na análise ou descripción resaltaba o feito desconcertante, e do que se falou moito sen chegar a unha solución, de que, cando había incesto nas familias e sobretudo abuso das fillas polo pai, padrasto ou amante da nai, as nais sabían case sempre o que estaba sucedendo e ollaban para os biosbardos, e que moitas veces eran cómplices activas ou pasivas.

A conclusión á que se chegou dentro do feminismo máis radical daquela, no que se partía de que os homes eran sempre ruins e violentos e as mulleres xenerosas e pacíficas, foi a de que, sendo así as cousas, o incesto e o abuso sexual dentro da familia eran até proveitosos para as mulleres, que así podían se decataren desde o principio do abusivos que eran os homes. Xurdiu a frase feminista incest is good for you. Un día fun buscar un libro daqueles que saíran sobre ese tema a unha libraria pequena, especializada en libros de esquerda e feministas, que estaba no bairro de Kilburn, daquela o bairro irlandés de Londres, veciño do de Maida Vale no que eu vivía. Daquel bairro, con fama de violento, dicíase que nos pubs entraban de súpeto xentes do IRA solicitando cartos para a causa irlandesa, e esa libraria estaba ás veces pechada porque a noite anterior atacárana  botando croios contra ela os da extrema direita.  As mulleres que despachaban na libraria buscaron o libro con moito interés, non o atoparon e ao final, cando xa me despedía, unha delas, dando por feito que eu o necesitaba porque fora vítima de incesto ou abuso, díxome para me dar ánimo e que entendese o lado positivo do asunto: ¨Incest is good for you, you know¨.

A min aquel descobrimento do incesto nas familias pegoume forte e fíxome pensar que, se o incesto e o abuso sexual eran case o normal dentro das familias, algo tiña que estar moi mal nese sistema familiar. Nunca se me cruzara pola mente cuestionar a familia, e non era tampouco un tema que me interesase moito nen no que tivese ideas e opinións, así que empecei a analisar case como quen di desde cero. Levoume tempo esa análise,  e lembro ben que ao primeiro tiña a sensación de ser como un mineiro e de estar nunha mina moi fonda e perigosa, alumando centímetro a centímetro cunha luceciña morna. Logo chegou un momento en que xa non me sentin dentro dunha mina, senon no alto dunha montaña como aquelas dos Alpes que subía a pe nos veráns, contemplando un panorama moi distinto do que se vía embaixo e apavorada có que estaba vendo.  O que vía era un sistema, o patriarcado, que dominaba o mundo, desde a familia, que era cédula principal onde asentaban os padróns, até a relación entre homes e mulleres, as relacións cós fillos, a educación, a economía, a política, a idea de patria e todo o demais. Víao pero custábame aceitalo, non podía asimilalo e sentíame incapaz de llo comunicar a ninguen.

Os nervos foron acalmando a medida que ía comprobando que as pezas cadraban e que o patriarcado explicaba todo o que antes non tiña explicación. Empecei a ver claro que era un sistema adoptado para facer un mundo xerárquico cunha base inmensa de persoas que nacían para ser escravas dunhas poucas que mandaban desde a superioridade ¨nata¨. Ese sistema aprendíase na familia e logo eses padróns repetíanse en toda a sociedade. Estaba tan aceitado e interiorizado, mesmo porque xa nacíamos nel e aprendíamolo desde o primeiro momento, que case podía dicirse que non era culpa de ninguen que se perpetuase, porque a todos parecíanos natural e non coñecíamos outra cousa. O propio patriarcado imbuia automatismo e aceitación da sociedade estabelecida e ese era un dos seus obxetivos. Todos nacíamos ¨patriarcáis¨ e non nos decatábamos de que era un sistema imposto e sustituibel. A todos parecíanos que era a única forma de viver e de organizar a sociedade.

Xa chegado o ano 2000 participei nun proxecto sobre o patriarcado en Zurich que respondia a perguntar por que ese tema non se tocaba, nen dentro do feminismo nen fóra del. E segue sen tocar.

Non sei como tería que ser un mundo e unha sociedade sen patriarcado, nen como sería a familia ou a política non patriarcal. Haberia que revisar, analisar e empezar todo sen dictados e sen dogmas, sen automatismos e con outra visión e outro xeito de facer as cousas. Sair do sistema podería abrir as portas da criación en todo.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s

Advertisements
%d bloggers like this: