Escollerán os galegos darlle vida ao galego?

Nestes momentos é mais doado analizar o asunto da língua galega do que era aló pola metade do século pasado, cando ainda non se tiña experiencia do que podía resultar do ensino oficial do galego. Agora vese con claridade que o ensino e o uso oficial do galego non son abondo para que a língua se fale coa normalidade que se esperaba, e que o galego segue en mal estado, desaparecendo ou sustituido por unha mestura de galego e castelán. Tamén segue sen resolver o de se achegar ou non o galego ao portugués e o de cál galego habería que falar e usar.

Non se quixo ver que a língua galega estaba en mal estado e que, coa historia que tiña, non podía ser de outra maneira.  O notábel é que, con esa historia, ainda siga medio viva hoxe.

A pergunta que se fixeron moitos era a de por qué na Galiza non se falaba o galego coa naturalidade  con que se falaba o catalán na Cataluña. A ideia de que o catalán se conservara porque na Cataluña houbera unha clase media que o defendera, e na Galiza non, tivo moita influencia e virou case dogma. O que non se recalcou foi que a historia da Cataluña e  da Galiza fora moi distinta desde que os reis ¨católicos¨ aliaran a Coroa coa Igrexa e empezaran a facer a unificación forzada da península ibérica. Cataluña, a pesares da unificación, seguiu vivindo moito tempo como un país separado de Castela, mentras que Galiza quedou moi cedo metida no reino de Castela e, portanto, no ámbito do castelán. Ao non quedar Cataluña integrada no reino de Castela, os cataláns non perderon o catalán, que seguiu sendo a língua normal do país na que se facía a vida toda, mentras que na Galiza a língua dominante foi sendo mais cada vez o castelán, e o galego quedou acurrado nas aldeas e vilas rurais. O galego foi perdendo forza e vitalidade e o castelán foi virando a língua normal, a que facía falta para a vida, a língua adiantada que había que saber para case todo. Os cataláns non  tiveron que loitar contra a invasión do castelán até tempos mais recentes, cando chegaron emigrantes de fala castelá, e foi unha invasión de pobres sen moita forza, mentras que a da Galiza foi unha invasión de poderosos coa forza toda.

Esas circunstancias históricas levaron a que a língua galega fora quedando isolada na Galiza rural até que, có correr do tempo, virou sinónimo de aldeán, de persoa atrasada e sen coñecimentos nen educación. Reducida á vida de aldea, non adquiriu palabras e maneiras de expresarse modernas e cultas, e quedou tamén sen escrita. Cando os escritores do XIX quixeron usala, tiveron que inventar cómo escrebela para que imitase o que eles ouvían. Chegado o século XX, o galego era unha língua desprezada en xeral, símbolo de atraso e que ninguén quería falar en vez do castelán: os que o falaban seguramente quererían seguilo falando na casa, entre eles, pero tamén querían aprender o castelán, que era o que valía para andar polo mundo e que lles parecía mellor e mais feito, igual que agora todos queren aprender o inglés.

Desde o ponto de vista lingüístico, o galego era unha língua encativada, pobre, parada, sen recursos para a vida moderna e culta, e sen forza para criar. Todo o que non era vida da aldea xa non xordía do galego e entraba en castelán. O galego estaba nun estado feble e incompleto, e non podía ter a enerxía e vitalidade dunha língua forte e completa. Unha língua que ten vida normal é forte abondo para coller palabras e frases de outras línguas e incorporalas, como fai o castelán cando colle do francés ou do inglés e ¨castelaniza¨.  O galego non tiña vida normal nen forza para ¨galeguizar¨, e as palabras do castelán quedaron en castelán. Os galegos da aldea, ainda que falasen galego puro, dicían Dios, la Virgen, os días da semana e moitas outras cousas en castelán. Alegouse que iso era por culpa de que a escola e a igrexa eran en castelán, pero Galiza estaba metida, política, social e lingüísticamente, no ámbito de Castela e do castelán, e o galego virou de certa maneira a língua extranxeira, a que non deixaba entenderse cós demais, polo que é lóxico que todos, incluidos os que falaban galego nas aldeas, quixesen saber a língua que tiña a potencia e categoría que non tiña o galego, que para eles era ¨isto que falamos por aquí¨.

O caso foi que cando, a mediados do século pasado, chegou o réxime das autonomías e Galiza virou unha delas mesmo porque tiña ¨língua propria¨, decidiuse que a maneira de lle dar ao galego vida normal e  prestixio era que formase parte do ensino oficial e virase asignatura obrigada e respeitada, ou que o ensino todo fose en galego.

O que non se fixo foi recoñecer que o galego estaba en mal estado e que nen se sabía cómo habería que escrebelo nen falalo para que non soase ¨aldeán¨.  De ónde sacar todo o léxico de que tiña falta para funcionar como língua normal?  Cómo engadirlle todo o que lle faltaba?  Ou había que partir de que non lle faltaba nada e que o único que sucedía era que o ditador Franco non deixara que se falase, contra a vontade de todos os galegos, que debecían por falala?

Quíxose pensar que se ¨Galiza tiña língua propria¨  que ¨ estivera proibida polo réxime franquista¨, os galegos quererían falar ¨a súa língua¨ axiña que lles deixasen e notasen que o galego era xa língua respeitada e de importancia política. Negouse a situación real e apresentouse o galego como se non tivese falta de nada. Pero o primeiro problema, que xordiu moi axiña, foi o de cómo habería que escrebelo para podelo ensinar: coa grafía dos escritores do XIX, cunha mais moderna, con grafía castelá, con grafía aportuguesizada? E qué facer có vocabulario e a maneira de expresarse: collelo do castelán, inventalo, collelo do portugués? Houbo os que pensaron que, se galego e portugués eran a mesma língua, o lóxico sería reintegrar o galego no ámbito do portugués, e houbo os que iso non o querían porque, para eles, o galego era xa o pai desa língua e tivera unha evolución tan normal como a do portugués.

A cuestión fundamental, e da que non se falou, era a de se os galegos querían que a língua galega vivise como unha língua forte ou se non lles importaba que seguise decaendo e terminase morrendo. E iso é o que habería que lles perguntar, explicándolles sen disimulo a situación en que está o galego e na que podería estar. Unha vez que a entendan, terán que decidir se queren que o galego morra ou viva.

A min paréceme que os galegos queren ter o galego, pero non sei se quererían facer o traballo e esforzo de cultivalo. O que hai agora é unha mestura desagradável de castelán e galego que estraga as dúas línguas e  só pode levar a que o galego de verdade desapareza mais cada día e quede sustituido por un castelán agalegado, malsoante e desleixado, que non ten futuro. E argumentar que o galego val para todo tampouco vai convencer a ninguén, se só vai facer falta para aprobar exames e oposicións.

Dado que o galego está en mal estado, habería que cultivalo, pero en liberdade e sen imposicións nen dogmas nen cruzadas, partindo de que neste momento non se pode saber ainda como tería que ser e que habería que empezar pola base. E a base ten que ser, non hai outra, o galego auténtico que ainda poda quedar, o ¨enxebre¨, o de aldea, que é o que ten emoción e sentimento. Porque se non hai esa emoción e sentimento, se non se quer có corazón e só se quer có cerebro e o intelecto, non será abondo e morrerá seguro. Sen iso no poderá haber mais nada que unha língua artificial e sen futuro, porque ninguén quererá falala.

Ese galego ¨enxebre¨ tería que ser sempre o fondo do que partir, pero non é abondo, porque non ten recursos modernos e cultos. E para engadirlle eses recursos habería que collelos ou do castelán ou do portugués. Collelos do castelán, como se fai agora, só pode levar a que o galego morra, afogado pola língua que leva moitos séculos invadíndoo, contaminándoo e dominándoo. Pero collelos do portugués non é tan doado como puidera parecer, pois que, para facelo con xeito, habería que ollar a verdade histórica cara a cara e sen tapala porque se querería outra mais bonita.

O galego e o portugués separáronse cando Portugal independizouse da España pegada e centralizada á forza que se estaba construindo. A língua tivo desde aquela unha vida normal en Portugal, que a espallou por outros continentes, mentras que na Galiza, metida na España unificada, foi declinando e perdéndose mais día a día. Esa diferencia fai que o galego non poda incorporarse, tal como está de mesturado, empobrecido e contaminado, ao portugués. Para alguén de lingua portuguesa, talvez o galego que antes se falaba nas aldeas da Galiza poderíalle soar parecido ao portugués, pero o outro sóalle a castelán.

O galego precisa tempo e cultivo para madurar e adquirir vida e criatividade. O primeiro que habería que cultivar sería o galego ¨enxebre¨, porque sen iso non pode haber emoción e recoñecimento do proprio, do que un leva metido na ialma. Ese galego enxebre é tamén o que está mais achegado ao portugués en léxico, entoación, acento e ritmo, o que ten a mesma ¨música¨. E tamén, para descontaminar o galego e liberalo do dominio do castelán, e para que adquira o vocabulario moderno e culto que lle falta, o mellor sería acudir ao portugués, porque o portugués reforzaría o galego auténtico. Ainda que nalgun tempo o galego tiña todas as palabras para falar dun carro de bois, non hai nada para falar dun auto moderno, porque iso xa entrou en castelán. Pero se o galego tivese tido unha vida normal en lugar de quedar sometido ao dominio do castelán, toda a maneira de falar dun auto moderno sería igual, ou moi semellante, á do portugués e non á do castelán. Cultivar o galego enxebre levaría, por exemplo, a poñer o artigo diante dos nomes de persoas e de países e falar, como en portugués, da María e o Manoel, ou da Rusia e a Franza, en lugar de quitalos todos para facer como en castelán e que non pareza de aldea.

Será posíbel algun día que o galego e o portugués volvan ser a mesma língua? Se se cultiva ben o galego sería posíbel, pero non pode suceder dun día para outro. Habería que deixar vir o tempo, facer as cousas ben e recoñecer que Portugal e Galiza están desapegados e afastados por un pasado diferente que, durante varios séculos, criou costumes, ideias e maneiras distintas de ver as cousas, e tamén que esa historia criou unha mentalidade española, moi afincada nos galegos, de malquerer e desprezo a Portugal por se ter independizado da España e marchado da casa materna e común. Esa historia criou unha actitude de superioridade nos galegos cara a Portugal e ao ¨portuxés¨, e receo nos portugueses cara aos galegos, que lles parecen típicos españois dominantes e soberbos. Tudo isto hai que sabelo e levalo en conta.

En resumo, que o fundamental ten que ser ollar a verdade cara a cara sen fantasías, explicarlles aos galegos o pasado da língua e o porqué non está en bon estado, e ver se queren que viva ou non. Se queren que viva, entón teñen que saber que habería que traballala e cuidala como se fose un cativiño ao que hai que equipar para que conserve o seu pulo interior e a sua natureza íntima e ao mesmo tempo consiga forza, independenza e criatividade.

Decembro do 2018

Advertisements
Advertisements
%d bloggers like this: