Monthly Archives: March 2018

Pensando no futuro do galego

Pensar no futuro con tino e intelixencia exixe analizar con veracidade o pasado e esforzarse por entender o presente, para saber cáles son os fíos do tecido que convén conservar e cáles son os que hai que desbotar, se se quer ir para adiante e non estar recuando sempre.  O mais importante é deixar fíos fortes que sexan tamén flexíbeis e resistan o paso do tempo, e non deixar fíos enguedellados que non permiten ver a realidade.

No ¨tecido¨ do galego hai varios fíos que conviña desenguedellar para que non leven por camiños sen saída e fagan perder o tempo en loitas inúteis e mal pensadas.

Para saber cáles son os fíos principais do galego, que se saca do pasado?  Que o galego é unha língua que, por circunstancias políticas, quedou nun territorio onde o castelán foi gañando terreo e virou a língua principal.  O galego foi cedendo e quedando esquecido até que virou a língua dos que traballaban (nunha España na que traballar era sinal de non ter o sangue limpo e pecado do que había fuxir) e dos ignorantes e pailáns, dos desprezados aldeáns.  Tamén era a língua que prosperara en Portugal, país que conseguira independizarse da España dictatorial criada polos Reis Católicos e que endemais tiña un imperio rival do español.  O receo, portanto, que, consciente ou inconscientemente, dáballes aos galegos o de falar galego viña, por unha banda, de que os demais pensasen que eran aldeáns ignorantes e rudos e, pola outra, de que suspeitasen que eran amigos dos portugueses e polo tanto inimigos da España que non lle perdoaba a Portugal o de ser ter independizado. A quebra violenta con Portugal tivo á forza que influir moito na ideia que se foi tendo do que significaba falar o galego.

Buscar culpábeis e inocentes, como se fai sempre nos sistemas autoritarios, levou a interpretar eses fíos fundamentais da historia do galego como se a perda paulatina fose culpa dos proprios galegos, que non souberan defender a sua língua como o fixeran outros pobos da España.  Mas o que sucedeu có galego é o que tería sucedido en calquer país do mundo nas mesmas circunstancias.  Buscar a quen botar a culpa é tarefa inútil en episodios nos que non hai nen grandes culpábeis nen grandes inocentes.  Sería en cambio fecundo analizar ben os resultados lingüísticos, sociais e psicolóxicos que tivo esa historia, para limpar e peneirar os fíos todos e ver con claridade se val a pena conservalos para o futuro ou non.

Cada língua, amais de ser instrumento de comunicación, expresa emocións, sentires, vivencias, historia, maneiras de entender o mundo e de estar nel, e moitas outras cousas.  Mas a transmisión dese mundo aos que veñen depois non se pode forzar, porque entón fica desnutrido e sen calidade e vira instrumento imperioso e ofensivo.

A cuestión do que facer có galego enfocouse dun modo autoritario e con pouco coñecimento do que sucede cando nun país hai mais dunha língua.  Pensouse que era abondo decidir políticamente que o galego era a língua da Galiza e que todo era cuestión de darlle prestixio e facela oficial. Como sempre cando se actúa dun modo impositivo, aspirouse a gañar, ao trunfo por unanimidade, a que de súpeto todos os galegos quixesen unha língua que levaba séculos sendo desprezada e estaba a piques de morrer. Seguindo o padrón do patriarcado de ter que apresentar a Familia perfeita, tapáronse os problemas e non se quixo admitir que o galego estaba en mal estado, como era lóxico logo de ter sobrevivido medio escondido na Galiza rural e desacreditado. E tampouco se admitiu que había un problema emocional, de medo e receo, que non se podía curar de golpe nen con ¨prestixio¨, e que mais ben precisaba de entendimento profundo e catarse.  Houbo unha fe cega no poder das autoridades e das institucións e un esquecímento total do poder de cada persoa para escoller e querer.

Pensando no futuro do galego é facil adeviñar que se se impón pola forza e, mais ainda, como língua única e principal da Galiza, o que haberá será galego institucional, aprendido de mala gana e case como língua extranxeira, e que se falará cada vez menos porque non terá emoción nen sentimento. E chegará o día en que haberá que deixalo morrer porque non terá sentido nengun conservalo.  Será un fío que as xeracións futuras terán que desbotar porque non valerá para facer tecido.

O de non querer ver que, debido a circunstancias históricas, o galego non estaba en bon estado, levou a unha guerra entre os chamados ao primeiro ¨enxebristas¨, que logo foron castelanistas, e os ¨lusistas¨, na que os dous bandos tiñan algo de razón pero non toda, porque nengun dos dous aceitou a historia como era e os dous a fantasiaron.  O galego no tivera a evolución normal dunha língua aceitada e falada e escrita por todos, senon que era unha língua empobrecida, sen escrita e falada polos que terían preferido falar o castelán pero non sabían.  O padrón autoritario de buscar culpábeis e vítimas inocentes levou a espallar a ideia de que os galegos foran forzados a abandonar o seu idioma, cando o lóxico era que todo o mundo quixera falar a língua que se usaba para todo e na que se escribía, e non a outra, que a maioría dos que a falaban nen sabían o que era: ¨isto que falamos por aquí¨, dicían medio desculpándose.  Interpretar o pasado tapando os feitos para que se vexa que somos ¨de boa familia¨ e apresentar como verdades as fantasías de estirpe e de dominio leva a construir mal o futuro.  Hai moitas correntes de orgullo de familia e de ansia de dominio polo fondo da cuestión que enguedellan os fíos e que habería que aclarar.

Todo parece indicar que os galegos non queren perder o galego.  O que non se sabe é até que ponto e de que xeito queren telo: quererían que sustituíra ao castelán e virase a língua dominante na Galiza?  Maisquererían que o galego fose só algo para falaren entre eles?  Non se pode saber a resposta porque ninguén lles perguntou.  E, ainda que se lles perguntase, non estarían en condicións de responder con coñecimento de causa, porque non se lles explicou o que sucedera coa língua.  Non coñecen o pasado, non entenden ben o presente e polo tanto non están en condicións de saber nen decidir o que queren para o futuro.

Para darlle vida ao galego habería que deixar fora os padróns autoritarios e de orgullo de familia e adoptar un enfoque criativo de ter en conta o pasado, estudalo e coñecelo ben, e aprender da experiencia, sen medo e pensando no futuro.  Habería que tratar aos galegos como maiores de idade que poden pensar eles sen que lles dicten as autoridades, e descreberlles con veracidade a realidade da língua para que podan decidir e escoller con coñecimento.  Iso non se pode facer nun día nen dous, polo que habería que propiciar que có tempo se puidese facer a escolla, e para iso o mellor sería cultivar o galego con liberdade, sen metelo en camisas de forza para demostrar que é unha língua en perfeito estado e sen problemas.  O mais importante sería contar a sua historia sen inocentes nen culpábeis e darlle á língua a emoción e o sentimento que a oficialidade e o ¨prestixio¨ non lle poden dar.  Habería que cultivar o galego con imaxinación e criatividade, en lugar de chamar galego, e tentar impolo pola forza, un producto artificial que nen é fiel ao pasado, porque non é auténtico, nen pode ter futuro, porque, por moito que se ensine, non convence e semella que os galegos non o queren falar.

Nos próximos escritos tentaremos ver como se podería cultivar o galego pensando no futuro e sendo fieis ás suas raíces e o seu espírito.

Marzo do 2018

 

Advertisements
Advertisements