Para despatriarcar a relación do galego có portugués

Cando o galego virou língua oficial e pasou a ensinarse nos meios docentes, xurdiu a disputa entre os que querían impor un galego que só se falara na Galiza e os que pensaban que o futuro estaba no achegamento ao portugués, sobretudo porque o portugués tiña mais alcance e non só era língua de Portugal, senon dos países que formaban o mundo lusófono.

Nas duas posturas de defensa e promoción do galego, a ¨enxebrista¨ e a ¨lusista¨, houbo un forte automatismo de raíz patriarcal que levou a reacionar con orgullo de familia, a non querer recoñecer as carencias dos bens patrimoniais e a pensar que había que apresentar unha língua en estado perfeito, como se outra cousa fose traicioar á familia e deixala quedar mal.  Partiuse de que o galego non tiña problemas que non se puidesen resolver de golpe, con métodos autoritarios e dándolle categoría oficial.  Mas a realidade era que o galego quedara estancado e virara unha língua rústica, sen escrita e sen linguaxe culta.  Para darlle vida e  adirlle o que lle faltaba había que acudir ao castelán ou ao portugués. Acudir ao castelán significaba castelanizarlo mais  do que xa estaba, e acudir ao portugués avivaba todos os prexuizos que na España, e na Galiza, imperaban desde que Portugal se independizara.  De achegalo un pouquiño ao portugués, tiña que ser desde unha postura de superioridade nata, có galego como pai-patriarca con direito a mandar.

O que eu vin nos meus anos de infancia e mocidade na Coruña, aló polos coarenta e cincuenta do século pasado, foi unha grande antipatía e desdén por Portugal: dicían que os portugueses viñan a Galiza todos emperiquitados e con moitas xoias, e que non querían que lles falasen en galego.  Que eu saiba, nunca se lle buscou explicación a aquilo de por que non querían o galego e pedían que lles falasen en castelán.  Deuse por feito que era porque eles tamén menosprezaban o galego: se aquelas xentes do veciño Portugal que falaban o que os galegos chamaban, con desprezo, ¨portuxés¨, non querían o galego e dicían que non o entendían,  tiña que ser porque até os ¨portuxeses¨ o vían como unha língua inferior e de menos categoría que o castelán.

Os cataláns dicían, naqueles tempos da miña mocidade, que o catalán era como o francés e vían á Franza como un país có que tiñan mais afinidade que coa España da que querían diferenciarse.  Para a língua e para todo, os cataláns  ollaban para un país veciño que tiña categoría e era adiantado.  Os galegos, en cambio, vían que a língua que xa eles rexeitaban falábase nun país polo que non sentían aprezo, que lles parecía menos que o deles e do que até se chegou a dicer que era un ¨erro histórico¨.   Iso levou a unha atitude arrogante có veciño Portugal que segue viva hoxe porque nunca se veu nen se analizou, de tan natural que parecía.

Aos galegos a língua galega sóalles semellante ao portugués porque ten algúns sonidos que se parecen e que son distintos dos do español, pero non se decatan de que aos que falan portugués o galego sóalles a castelán misturado e confuso, e que non poden imaxinar que os que lles falan aquilo están pensando que é portugués ou como o portugués, porque non ten nen o léxico, nen a sintaxe, nen o acento, nen a pronunciación nen a maneira de dicer do portugués.

Ainda que portugués e galego fosen a mesma língua, o portugués tivo unha vida normal e o galego non. Por vicisitudes históricas a Galiza ficou primeiro dentro do reino de Castela e logo da España que se construiu arredor dese reino.  Portugal non, e iso fixo que non teñan un pasado en común desde hai moito tempo.  Os galegos formaron parte do mundo hispánico que se criou nas Américas e non formaron parte material nen espiritual do mundo de fala portuguesa que se configurou na África e na América.  Portugal escolleu independizarse da España monolítica que amañaron a Igrexa e a Coroa, e non hai indicios de que os galegos loitasen con Portugal contra España nen de que axudaran nesa empresa.  Os galegos vense a sí próprios como algo parentes dos portugueses e non se decatan de que os portugueses os ven como españois e recean deles porque non teñen motivo nengun para confiar e velos de outra maneira.  Cando Portugal se independizou da España os galegos non actuaron como amigos, senon como tan inimigos como os demais españois ou pior ainda, porque seguramente temían que os confundiran cós habitantes do país ¨traidor¨, e logo seguiron sentíndose superiores, sen amostrar nengun achego nen querencia.  Mentras que houbo xente en Extremadura e Andalucía que quixo aprender portugués, na Galiza non se fixo nada para aprendelo porque se pensou que xa se sabía e que, se acaso, terían que ser os portugueses os que aprendesen o galego.

O portugués tivo unha evolución normal e adquiriu todos os recursos que precisa unha língua, mentras que o galego quedou parado e nun entorno hostil, arrincoado e desprezado, malcuidado, sen pulir e sen adquirir caudal.  Aínda que portugués e galego sexan a mesma língua, o galego, no seu estado actual, non se pode apresentar como se fose portugués. Non é como se portugués e galego tivesen evoluido con algunhas diferencias: é que o portugués evoluiu e o galego non, e se misturou de castelán.

Despatriarcar o enfoque da língua galega e deixar de vela como instrumento de mando dos patriarcas axudaría a buscar a maneira de darlle a vida que lle falta e a entender que o ¨enxebrismo¨ e o ¨lusismo¨ non son tan incompatíbeis como parecen.

Seguiremos falando do galego.

 

Advertisements
Advertisements
%d bloggers like this: