Para despatriarcar o enfoque da língua galega

Cando aló polos anos setenta instaurouse a política das autonomías e se lle recoñeceu a Galiza o direito a ser unha delas, en grande parte porque tiña ¨língua propria¨, empezou o ensino oficial do galego e xurdiu o desacordo entre ¨enxebristas¨ e ¨lusistas¨ e entre os que querían que o galego se ensinase nos meios docentes e os que non.

A maneira de enfocar o que había que facer có galego estivo marcada polo forte patriarcado que domina a sociedade galega.  O enfoque foi altivo, dominador e impositivo.  Analizalo podería servir para despatriarcar e liberar a Galiza dese imperialismo interno que lle cercea a espiritualidade.

O galego viuse como unha posesión da ¨familia¨  e polo tanto dos patriarcas  e das mulleres patriarcadas que os axudaban.  Había que impor e controlar esa posesión herdada, para ser como as outras familias poderosas e destacar e mandar.  Como sempre na familia patriarcal, o sentir dos ¨fillos¨, nese caso os galegos que non eran autoridades, non tivo peso nengun.  Se a Galiza, é dicer, a Familia, tiña a ¨língua propria¨ que a situaba entre os de categoría superior, non se podía admitir que esa língua estaba empobrecida, carente e incompleta, nen que aos galegos o castelán parecíalles mais completo e atrativo.  Decidiuse que abondaría con que o galego adquirise o prestixio de ser língua oficial e se ensinase nas escolas e o falasen as autoridades para que todo o mundo o quixese.  Non se pensou que a tarefa principal tiña que ser darlle vida a unha língua que levaba moito tempo desprezada, arrincoada e esmorecendo, e amañouse unha língua artificial para amostrar na vitrina.

Dado que falar galego fora sinónimo durante moitos séculos de ser pailaroco e inculto, e que os que o falaban foran vítimas dun apartheid social e dunha segregación cuase racista, o lóxico sería pensar que esa ferida non podía curar de supetón só por declarar que o galego era o que había que falar e que se non se falaba era por culpa dos tiranos de fora que o proibiran e dos galegos que non cumplían os deberes de familia e non o transmitían aos fillos.  Non era difícil adeviñar que, se nesas circunstancias pasaba ao ensino, sería unha matéria que había que aprobar nos exames e mais nada, e que moitos o verían como un atranco noxento e antipático.  Mas como na familia patriarcal  os problemas e as inxustizas tápanse para que non estorben aos que mandan, iso foi o que se fixo có galego.

Para despatriarcar o enfoque da língua galega habería que partir de que os galegos teñen direito á liberdade e a non ser tutelados polos patriarcas da ¨familia¨. Terían que ser eles os que decidan se queren darlle vida ao galego ou non.  Mas non poderán xulgar ben a situación se non saben o que sucedeu coa língua, e para iso habería que analizar esa historia sen contos  nen tapulladas e sen buscar vencer e impor, senon dilucidar e comprender.

Se os galegos non queren falar galego, meter a língua no ensino oficial será inútil, porque esa língua non terá vida.  O galego non estaba en condicións de  formar parte do ensino oficial.  Por circunstancias históricas que o viraran língua desprezada e o afastaran do portugués, faltáballe aceitación, corpo e recursos.  Ficara só cun léxico rural cada vez mais reducido e non tiña a riqueza e o alcance dunha língua culta e con moitas dimensións.  Era como un monte sen cultivar.  Iso non se quixo ver e seguiuse o padrón patriarcal de apresentar unha aparencia de riqueza e benestar que ocultaba a realidade.  Xurdiu unha división profunda entre os ¨enxebristas¨ e os ¨lusistas¨.  O que empezou chamándose enxebrismo levou a língua cara o castelán e deixou fora o galego que ainda quedaba.  Como non se buscou a verdade e non se curou a doenza, seguiron imperando os padróns psicolóxicos de rexeitamento dunha língua que soaba bruta e da aldea.  Ese galego ¨bruto¨ foi sustituido por un falso galego sen entoación, sen pronunciación, sen sintaxe e sen léxico galegos, unha língua que soa a castelán e non a galego.  Para despatriarcar ese enfoque habería que aceitar e procurar o galego de verdade, cultivalo para que gañase corpo e limpar, peneirar e adir caudal para darlle abundancia e fertilidade.  E para despatriarcar o ¨lusismo¨ habería que analizar con veracidade a relación da Galiza con Portugal e non partir de que o galego é o pai do portugués e portanto os galegos son os primoxénitos e vinculeiros da língua.

Seguiremos falando do galego.

Xuño do 2017

Advertisements
Advertisements
%d bloggers like this: