De onde ven o desprezo ao galego

Logo da morte de Franco, cando se instauró o réxime autonómico, o feito de que a Galiza tivese ¨língua propria¨  foi fundamental para que conseguise o estatus de autonomía.  Daquela eran Cataluña, o País Basco e Galiza os que podían afirmar que tiñan outra língua viva amais do castelán, ainda que a forza desa vida fose distinta nos tres países.  Só na Cataluña o catalán era mais forte que o castelán.  Os galeguistas daqueles tempos, e mesmo algunha xente que viaxaba a Cataluña e vía o que aló sucedía, perguntábanse por qué os cataláns falaban catalán sen reparo e os galegos, ou non falaban galego, ou facíano con medo.  O que se deu como resposta durante moito tempo foi que na Cataluña houbera unha clase meia que defendera o catalán, e na Galiza non.  Elaborouse un relato no que Galiza aparecía como a vítima de elementos externos, e principalmente do réxime de Franco, sen recoñecer que ese réxime non tivera que facer nada para que non se falase galego porque os galegos deixaran de querer facelo moitos anos e séculos atrás.

Houbo unha negativa total a aceitar a verdade: que na Galiza deixara de falarse o galego porque os galegos, axiña que tiñan a opción de falar castelán, preferíano.  O castelán parecíalles unha língua  feita e importante, a que facía falta para todo.  Os que falaban ainda galego nas aldeas non sabían ben o que era aquilo que nen lles parecía unha língua,  senon algo que eles usaban porque non sabían outra cousa.  Nas cidades galegas era habitual que ás criadas que servían nas casas e procedían das aldeas se lles proibise que falasen galego, e as criadas non protestaban porque para elas aprender castelán era subir de categoría e deixar atrás o que as inferiorizaba sen remedio.

Durante moitos séculos houbo unha perda da língua galega que ao primeiro foi aos poucos  e depois se acelerou a partires da segunda metade do século pasado.  O galego foi ficando cada vez mais agochado e esquecido até que rematou sendo a língua dos que vivían isolados nas aldeas  e virou sinónimo de ignorancia e incultura, de ser pailaroco.  Era lóxico que non se quixera falar unha língua que decontado calificaba a quen a falase de rústico e atrasado.   Por que sucedeu iso na Galiza con moita mais forza que en outros lugares de España nos que a xente do campo tamén era desprezada?   Porque os habitantes do campo castelán ou andaluz, malia que parecesen rústicos, falaban castelán, e os habitantes da Cataluña rural falaban a língua normal de todo o país, a que tamén se falaba nas cidades.  Na Galiza os habitantes do campo falaban outra língua que non era a ¨normal¨, e iso funcionou como un círculo vicioso: os da aldea foron desprezados por falar galego, e o galego foi desprezado porque o falaban os da aldea.

Aló polo comezo dos anos oitenta do século pasado, en plena politización da língua galega e có galego convertido en símbolo de identidade, sentin comentar que  polas aldeas e vilas andaban rapaces novos rallando có de que había que falar galego e censurando á xente por non falalo abondo.  A xente sentíase ofendida e protestaba de que os da cidade lles fosen predicar e ditar o que tiñan que facer.  Nos ámbitos do galeguismo e do nacionalismo galego chegárase á conclusión de que o galego se estaba perdendo porque os pais das aldeas non lles falaban galego aos fillos.  Mas os pais das aldeas falaran galego aos fillos durante moitos séculos e iso non fora abondo para frear a perda da língua galega.  Non se quixo ver que en toda aquela historia houbera unha grande inxusticia, unha ferida de moitos séculos que non viñera de fora, senon de dentro.  O lóxico tería sido recoñecer o sofrimento que por falar galego padeceran os das aldeas, que se viran nunha situación de inferioridade continua, de apartheid, como emigrantes ou refuxiados recén chegados a un país extranxeiro no que se fala unha língua que eles non saben e onde hai uns modos de vida que eles non coñecen e os fan sentirse inferiores e inseguros.  Como non se recoñeceron esa inxusticia e ese sofrimento, non se fixo nada para curalos e, disfarzadas de defensa do galego, as pautas  de sempre seguiron mandando.

O de que os cataláns preferisen o catalán ao castelán non fora porque na Cataluña houbera unha clase meia que defendera a língua con heroicidade.  Fora porque, por circunstancias históricas, Cataluña  seguira sendo un país independente moito mais tempo que Galiza, que ficara moi cedo metida dentro do reino de Castela e tamén afastada de Portugal, aborrecido na España centralizada, ainda mais que Cataluña,  por se ter independizado.  Se Cataluña non perdeu o catalán e Portugal non perdeu a lingua que antes compartillara coa Galiza non foi porque as defenderan contra o castelán, senon porque o castelán nunca chegou a ser a língua deles.  Galiza quedou afastada do país que falaba a mesma língua e que, por ter ousado liberarse  da España déspota e amazocada que criaran os Reis Católicos, foi desvalorizado, detestado e escarnecido.  Iso tivo que influir moito na imaxe que se tiña da língua galega, que virou  o que falaban os peifocos da aldea, e tamén o que falaban os infies habitantes do traidor Portugal.

Na Cataluña falábase unha língua que non estaba desprestixiada.  No País Basco había unha língua que non se asemellaba a nengunha outra coñecida e non acordaba desprezo.  Galiza tiña unha língua que se asemellaba á que falaban no veciño Portugal. Se ese país, para os galegos, tivese prestixio político e económico, a língua que nel se falaba talvez tería parecido desexável, mas a Portugal non se lle daba importancia, era desprezado.  Aos galegos, o galego soáballes pailán e portugués, e por iso non o querían.  Esa verdade, que estaba no fondo da perda da língua galega, foi tapada con inventos e argalladas, e por iso o rexeitamento desa língua non se curou e seguiu vivo  no inconsciente. A forza dese inconsciente, sen curar nen corrixir, levou a que se fabricase un galego afastado da língua dos pailáns da aldea e da dos menosprezados portugueses, e a que esa língua fose castelán vestido de galego.

Marzo do 2017

Advertisements
Advertisements
%d bloggers like this: