A historia do galego

O galego que eu escoitaba na miña infancia de coruñesa era o que se falaba nos bairros mais ou menos baixos e nas aforas da cidade e lugares e aldeias pertos dela.  Aquel galego non me resultaba descoñecido ou alleo, no sentido de que se entendía ben, pero soaba pior que o castelán, mais bruto, e nunca acordou o meu interés.  Para min, viña sendo como dicer ¨jato¨ en vez de gato e como levar zocas en vez de zapatos.  En linguaxe coruñesa aquilo era ¨jalejo¨.

Aos catorce anos (1950), cando pasei de ler livros de contos a ler literatura, asesorada por alguns dos meus profesores, meu pai comentou que tamén había escritores galegos como Curros Enríquez, que daquela estaba proibido en España por ser ¨da cáscara amarga¨, e conseguiu por meio de amigos algunha da sua poesía en follas soltas escritas a máquina. Aquilo interesoume e sooume ben, e logo, outro día, fomos meu pai e eu á livraría Zinque no Cantón Grande e pedimos algun libro en galego.  A empregada que nos atendeu dixo que non tiñan moito, pero foi mirar na parte de atrás e veu có tomo das obras completas de Rosalía que editara Aguilar.  Aquilo foi como encontrar un tesouro e aí descobrin unha língua de grande beleza, con música e resoancia e que me levaba como se fose unha fermosa sinfonía. Mergulleime en toda aquela poesía, nas novelas en castelán, nos prólogos extraordinarios,  lin sen parar, unha e outra vez,  e entrei nun mundo que sentin que era meu e que, ao mesmo tempo, me era descoñecido.

Logo, mais ou menos por aqueles anos tamén e con Rosalia xa de guía e intérprete, descobrin a Galiza do campo e a montaña por terras xa perto de Lugo, arredor das Pontes, e entrei nun mundo distinto en todo ao meu mundo coruñés.  Eu chámolle a aquel meu descobrimento dese mundo a miña primeira saída ao extranxeiro, polo alleo que era todo para min e porque entrei nunha sociedade, a rural, con outros códigos, outra maneira de ver as cousas e outra língua,  unha língua que non tiña nada que ver có ¨jalejo¨ nen có castelán e que me costaba entender e non sabía falar.  Vin tamén que a xente que o falaba non sabía ben o que era aquilo que falaban (¨isto que falamos por aquí¨, dicían) e pensaba que o que había que falar era o castelán.  Moitos da vila das Pontes dicíanme que o galego que se falaba por alá non era o de verdade. Sabían que aquilo non era o que se falaba en lugares mais remotos da Galiza. nen o que falaran os que xa morreran nen os mais vellos do lugar.

O de que había unha perda da língua galega, e que esa perda se estaba acelerando naquela década dos cincuenta por influencia primeiro da radio e depois da televisión, e porque os lugares eran cada vez menos remotos ao aumentaren as comunicacións, estaba para min xa moi claro daquela, e abondaba para proba comparar o ¨jalejo¨ xurdido do contacto forte có castelán có galego que ainda se conservaba en sitios mais isolados. E o que virou cada vez mais claro tamén para min xa naqueles tempos foi o receo que acordaba a língua galega e que non a querían nen os que a falaban habitualmente, nen moito menos os que falaban castelán. Tamén estaba moi claro que eran poucos os bilíngües e que o que mais abondaba era os que sabían unha língua ou a outra.  Aos que falaban galego costáballes falar en castelán e a maioría non eran capaces de facelo, e aos que falaban castelán costáballes moito falar galego, ainda aos que, coma min, quixesen falalo.  Eu aprendin a falar e escreber galego como aprendería unha língua extranxeira, cós meus proprios métodos, coa única diferencia quizais de que os sons do galego non me eran alleos, pero ainda así, eu sabía ben que o que me saía soaba mais a castelán que a galego e que non tiña nen a pronunciación, nen a sintaxe nen a maneiro de dicer propia da língua.  Isto eu víao en tempos en que non tiña a experiencia do que sucede cando duas línguas entran en contacto, e do que sucede habitualmente cando hai bilingüismo.  E o que me surprendeu moito foi que, cando chegou o momento en que se oficializou a língua galega e pasou a formar parte do ensino, nada diso se vise ou se aceitase e se partise de que a língua estaba en boas condicións e que era só cuestión de  darlles aos galegos o que era deles e lles tiraran pola forza.

Cando os escritores do século XIX como Rosalia decidiron escreber e resucitar unha língua que estaba abandonada, perdida ou desprezada como o galego, fixérono ¨de ouvido¨, porque non había tradición escrita da língua, e inventaron unha grafía que mais ou menos respondía ao que eles escoitaban no galego falado.  Daí o ¨unha¨, en vez do ¨una¨ do castelán, para reflectir o son nasal que ten o galego, e daí as equis e os apóstrofos para reflectir sons que non ten o castelán.  Se os escritores fosen conscientes  e coñecedores do portugués, posivelmente terían optado por escreber con grafía portuguesa, mas, polo alonxamento histórico entre Portugal e Galiza que se produciu a partires da independenza de Portugal, eran tan poucos os vínculos có país veciño que iso non sucedeu, e empezou unha tradición, que segue hoxe, de inventar como se escrebe o galego.  E cando o idioma galego se oficializou, non se quixo admitir a historia verdadeira da língua e, transformada en arma política e símbolo da nazón, ¨a língua de Galicia¨  apresentouse como se tivese nacido nun manancial na propia Galicia desde o comezo do mundo en lugar de ter saído do latín como o castelán, o francés e o catalán, e como se non tivese que ver con nengunha outra, e menos que nengunha có portugués.  Nun contexto politizado e de comparación continua e pouco acertada có catalán, botóuselle a culpa ao franquismo dunha perda da língua que empezara moitos séculos atrás e tapouse a realidade por xulgala vergoñenta e sinal  ¨de non sermos capaces de defender a nosa língua como fan os cataláns¨, cando era o mais natural do mundo e o que tería sucedido en calquer país nas mesmas circunstancias.  Iso tivo como resultado un galego ríxido e acartoado, sen vida, e que é como unha tradución mal feita do castelán.

Seguiremos falando deste asunto da língua, non para dar unha solución, senon porque nesa historia está a chave para o futuro do galego.

Novembro do 2016

Advertisements

One thought on “A historia do galego

  1. […] {Ler mais em “A historia do galego”, Desde Albión para Galiza} […]

Comments are closed.

Advertisements
%d bloggers like this: