Língua e familia galega

Levo mais de meio século morando na Inglaterra e vivindo entre línguas distintas, pola miña profisión de tradutora e porque na miña familia fálanse varias.  E nunca deixa de surprenderme  que, ao cabo de tantos anos, haxa pautas relacionadas có galeguismo e o nacionalismo galego que se repiten desde que cheguei a Londres por primeira vez até agora. Unha desas pautas é a de que os amigos nacionalistas galegos den por feito que eu debería falarlles galego aos meus fillos, e que non teñan a mínima dúbida de estaren no certo . Escandalízalles que a língua principal dos meus fillos sexa o inglés e escandalízalles tamén que eu non lles ensine galego aos meus netos.  Parécelles que non cumplo o meu deber de muller e nai galega e que os estou privando, a fillos e netos, da sua herdanza lingüística e espiritual.

Eu penso que o principal problema da Galiza está na familia galega, e que iso é o que non a deixa adiantar, o que a paraliza e o que a fai recuar.  O típico da familia galega é que tudos queran mandar e controlar ao demais, que tudos debezan por ser o centro dunha atención desmesurada, e que tudos fiquen enguedellados en emocións negativas e paralizadoras que levan a repetir sempre as mesmas pautas.  Os fillos nascen para os pais na familia galega, como  sucede sempre no patriarcado, mas o sentimento de culpabilidade que se insire neles por seren unha carga e non satisfaceren o que os pais esperan deles é tan forte que logo eses fillos pasan a vida inteira querendo mais que nada responder ás exixencias, tácitas ou explícitas, dos pais, e con pánico de non cumpliren e seren maus fillos .  Iso leva a unha conformidade total coa sociedade estabelecida e a lutar únicamente por chegar a ser aceitado nesa sociedade e obter categoría nela.  Estes trazos existen en tudos os países, mas a forza que teñen na Galiza non está compensada por nengunha outra tendencia, costume ou sentir como están en outras sociedades.   O resultado é un autoritarismo abafante e un desánimo interior e exterior que impide lutar por nada que non sexa o mandado.  A falta de rebelión e a renuncia á independencia individual dá unha sociedade que non se move, metida en sí e que considera  a mais grande virtude non deixar que nada mude e adorar a autoridade e ás autoridades.  Esa adoración do autoritarismo, e o conseguinte debezo de ser autoridade e mandar, é o que insire a familia galega, e con iso ven a falta de aprezo por tudo o que non sexa dominar, figurar e situarse entre os poderosos.

A división constante que se ve nos galegos, a imposibilidade de que se entendan uns con outros e podan chegar a algun acordo, o feito de que os que militan na política estén sempre fragmentándose e ninguén aceite a mínima diverxencia ou diferencia, có resultado de que cada grupo político semella estar formado por unha familia mínima, e o ¨cainismo¨eterno, a luta entre ¨irmáns¨ pola supremacía na ¨familia¨ e porque ninguén destaque e leve o premio, son características que impiden que nada vaia adiante e afunden no atraso psicolóxico.  O ¨pasivo-agresivo¨ que impera na familia galega esmaga o espírito da Galiza e dos galegos.

A cuestión da língua galega enfocouse seguindo as pautas da familia galega e engadíndolle as da utopía patriarcal da familia feliz, e iso fixo imposível que se analizase o pasado e o futuro desa língua.   A língua galega viuse como se fose unha posesión da familia e virou un símbolo e marca desa familia.   Iso levou a acumular erros por tapar unha historia que non era a que unha familia ¨boa¨ debía ter, e a centrar o benestar e futuro do país na língua.  Levouse a língua aos altares da familia e fíxose dela un símbolo sagrado que nen sequer se podía discutir.  Como nas familias en que se tapa a verdade porque da vergoña e non é a historia que se querería ter, sustituise a verdadeira historia da língua galega, que non tiña por que dar vergoña e se entendía moi ben, por unha  trama que situou o inicio da perda da língua en tempos do franquismo e botou a culpa aos pais rurais que non falaban galego aos fillos, en vez de admitir que a perda da língua viña de moitos séculos atrás e que tiña lóxica lingüística, cultural e social.  Baseándose nesa historia inventada e incoerente, partiuse de que, como o galego era a língua da¨ familia¨  e se non se falaba era porque o proibiran, axiña que se lle dese categoría oficial tudos os galegos debecerían por aprendela e usala para tudo.  Que iso non sucedese semella ter surprendido a tudos os que quixeron impor a língua cós padróns autoritarios típicos da familia galega, en que os ¨vellos¨, as autoridades familiares, os patriarcas e as matriarcas patriarcais, queren decidir, sen escoitar a ninguén, o futuro dos fillos, dos netos e de tudos os que veñan depois.

Seguiremos falando da língua coa intención de tirala desa fixación psicolóxica ou obsesión na que está agora, que leva a que cada vez desapareza mais  ou vire unha mezcla tosca de castelán, inglés e galego que nada ten que ver có galego de verdade, e que leva tamén a que se apresente como galego calquer cousa que esté nesa língua ainda que sexa imitación ou calco do que non ten nada de galego e a crer que abondaria con que se falase galego para que Galiza puidese destacar e transformarse no país que podería ser.

Advertisements
Advertisements
%d bloggers like this: