A maternidade

Esta é a principal diferencia entre as mulleres e os homes: que as mulleres teñen a bendizón ou a carga da maternidade, según se mire, e os homes non.  Bendizón ou carga física para empezar, pois que non ten comparanza o que significa a gravidez e o dar a luz en cuanto a transformación do corpo, traballo e risco, cós poucos segundos que lle leva a un home procriar.  Mas convén lembrar que no patriarcado tíraselle importancia sempre a todo o feminino e o que sexa de mulleres, porque é unha forma de inferiorizalas, e por iso está ainda sen recoñecer que xestar e dar a luz é un labor no que as mulleres se xogan a vida e que as deixa exaustas, física e psíquicamente.  Iso non se admitiu nunca na sociedade tradicional, e tampouco no feminismo ideolóxico que naceu a meiados do século XX e que é o que segue agora.  Ese feminismo non admite nen quer ver que as mulleres e os homes non son iguais, e non se decata de que con iso está aceitando o padrón e o mundo masculino como o único válido, e que obriga á muller a adaptarse a él e a finxir que todo o feminino non ten importancia ou é unha abnormalidade.   Según ese feminismo a muller ten que provar en todo que pode ser como un home e, dado que a maternidade é mesmo o que mais diferencia estabelece entre as mulleres e os homes, deixa de lado o asunto e non aceita que pode haber problemas sen fácil solución.  O resultado é confusión e cuase crueldade para as mulleres, que se debaten entre todas as posibilidades sen saberen o que pensar nen ao que atender e sentíndose obrigadas a facelo todo, e mellor que os homes.   É dicer, a adaptarse e subordinarse, como tiveron que facer sempre no patriarcado, ao modelo masculino que criou ese sistema e a ¨desaparecer¨ dunha maneira ou de outra.

É fundamental para as mulleres, e diso depende a sua liberación e que podan empezar de verdade a seren o que son sen se teren que adaptar ao falso modelo imposto polo patriarcado, que se analicen todos os elementos e contradicions que entran en xogo neste asunto da maternidade.   Mas o de como se entenda a maternidade  non é só fundamental para as mulleres, senon para todos, homes e mulleres, porque afecta a como nascemos e o que se espera que fagamos, e tamén para mudar a sociedade, dado que o patriarcado utilizou a influencia das nais para torcer o sentimento e asentar autoritarismo e fixo delas a bisagra que o sistema precisa para funcionar.

O patriarcado estabeleceu como obriga e función principal da muller a maternidade, non para que se ¨realizase¨  nen para que cuidase dos fillos, senon para que entregase os fillos á familia do varón.  Non lle ¨dar¨ eses fillos ao marido foi motivo de repudio e divorcio en cuase todas as sociedades e en todas as clases sociais, desde os reis e príncipes até os mais humildes súbditos, que tiñan que quedar ben e cumplir o deber de procriar por cima de todo.  A muller tiña que entregar ao marido un herdeiro, un fillo varón, para que houbese continuidade da familia.   A muller que non funcionaba así viraba desprezada e proscrita da sociedade, e as relixións contribuiron imenso a iso facendo que se vise o de que unha muller non puidese dar fillos varóns á familia para que continuase o apelido e a estirpe por liña masculina como un castigo de Deus ou dos deuses.  Os fillos foron unha bendizón de Deus e un premio ao bon comportamento, entendido como submisión aos cánones do patriarcado: ao mundo víñase a reproducir a especie, a procriar, a ter fillos, cantos mais mellor, porque esa era a vontade explícita dun Deus que, según as interpretacións patriarcais da relixión xudaico-cristiana por exemplo, fixera a muller para ser servidora do home, subordinada a el e sen valor nengun de seu de non ser que o adquirise como nai de varóns: só iso podía tirala da sua inferioridade irremisível e facela subir de rango e cumplir a sua misión nesta vida.

Neste marco con repercusións económicas, xurídicas, sociais e psicolóxicas, as mulleres viron e sentiron a maternidade como a principal obriga que tiñan que cumplir e tamén como a única maneira de entrar na sociedade con algunha categoría.  Sen iso non eran nada, nen sequer mulleres.   Mas no patriarcado a maternidade estivo sempre chea de perigos de expulsión se non se adaptaba exactamente ao que o sistema quería.  A maternidade sen fillos varóns levaba ao desprezo e á humillación ou á expulsión da familia,  e a maternidade fora do matrimonio tamén.  A maternidade dentro do matrimonio era para entregar os fillos á familia do varón; eses fillos non eran para a nai.  En cambio fora do matrimonio os fillos eran só dela; era ela quen tiña que cargar con eles, porque esa nai e eses fillos non servían aos fins do patriarcado, e eses fillos ¨ilexítimos¨ quedaban expulsados da sociedade.  Isto segue sendo así hoxe, no século XXI: os fillos de unión ¨lexítima¨  seguen levando e transmitindo o apelido do pai para dar continuidade á familia pola liña masculina, e os varóns poden deixar fillos por aí abandonados sen que a sociedade lles obrigue a se reponsabilizaren deles.

Advertisements
Advertisements
%d bloggers like this: