Feminismo e patriarcado

Ver que o patriarcado era un sistema que estaba atrás de case todo o que sucedia no mundo fíxome entender muitas cousas que antes non encaixaban no meu pensamento feminista. Cando eu pensaba nos asuntos das mulleres sempre chegaba a algun ponto en que non cadraban as pezas. Como explicar, por exemplo, que as nais, que eran mulleres, desen preferencia aos fillos varons e fosen elas igual de machistas ou pior que os homes? Ou a rivalidade e falta de boa intencion tan comun entre as proprias mulleres? Ou que tantas veces se deixasen maltratar polos homes en casos en que se podian ter defendido? Ou a admiracion polos homes e por ese mundo masculino que as inferiorizaba? Ou que tantas veces cando unha muller acadaba un posto de mando fixera todo o posível para que non houbese outras mulleres arredor dela? Ou que nas ¨culturas¨ nas que se practicaba a mutilacion xenital fosen as mulleres as que mais insistisen en que se fixese?

O ponto de inflexion no meu pensamento, o ¨detonante¨, veu, como describo na introducción de Desde Albion, cando se descobreu nos anos noventa que o incesto era case o normal nas familias e que as nais tapaban os ollos para non ver o abuso sexual que practicaban os homes da familia coas fillas delas, e ainda axudaban muitas veces para telos contentos e ¨defender a familia¨. Iso pareceume tan terrível que me levou a analizar como funcionaba a institucion da familia e a ver que era o patriarcado o que dictaba ese funcionamento que logo se repetia en todas as capas da sociedade. A familia era a cédula básica dun sistema que inseria autoritarismo, abuso, desigualdade, xerarquia e superioridade e inferioridade natas e irremísiveis. E vin que, mentras seguise o patriarcado, por muita igualdade que conseguisen as mulleres, seguirian inferiorizadas, malqueridas e maltratadas dunha maneira ou de outra. Mudarian as modas e os costumes, mas o sistema patriarcal funcionaba de tal xeito que para cada paso adiante que desen as mulleres obrigaríaas a dar outro para atrás.

O mesmo se aplicaba a todo o funcionamento da sociedade, pois que nela se repetian as pautas típicas da familia patriarcal de que habia que obedecer ás autoridades, aproveitarse dos demais e situarse entre os poderosos se se era varon, ou axudar aos varons a que o fixesen se se era muller. Esas pautas levaban inevitabelmente á guerra, ao abuso e a que houbese sempre unha elite de escollidos que o tiñan todo e unha maioria que non tiña nada.

O patriarcado funciona sen que sexa cuestionado porque se aprende na familia, onde rexe a inxusticia fundamental que supon a superioridade nata da liña masculina de patriarcas con mando absoluto sobre as mulleres e os fillos. Iso absórvese e logo repítese en toda a sociedade. Mentras haxa patriarcado, á sociedade inteira sucederalle igual que ás mulleres: os de abaixo teran que ir conseguindo pouquiño a pouco, centímetro a centímetro e con inmenso esforzo, os direitos que xa deberan ser deles desde sempre. Teran que ir demostrando, con traballo inmenso, que son tan capaces de governar e organizar a sociedade como os ricos e poderosos, mas estes obrigaranlles a recuar todo o tempo. Esa pauta veuse moi clara na historia destes derradeiros trinta anos, en que os poderosos usaron a política e a economia sen remorso para destruir os avances sociais que se conseguiran e para dividir o mundo, mais unha vez, entre os que teñen direito a todo e os que non teñen direito a nada.

O que os franceses denominaron Les Trente Glorieuses, os ¨trinta anos gloriosos¨ do 1945 ao 1975, foron sustituidos por outros trinta odiosos que comezaron nos oitenta e seguiron nos noventa e nos dous mil. Os ¨gloriosos¨ fórono no sentido de que o mundo, cando menos na Europa e nos Estados Unidos, semellaba camiñar cara a un progreso cada vez maior e irreversível. Naqueles anos estaba implícita a ideia ou crencia de que cada xeracion teria unha vida mellor que a da anterior, que os fillos vivirían mellor que os pais. Hoxe, no 2015, vese que xa non é así e que os fillos van viver pior que os pais. Ese cambio dos ¨gloriosos¨ aos ¨odiosos¨ foi o recuar que trae sempre o patriarcado para volver ao incivilizado, á dictadura, á desigualdade e á crueldade. Iniciouse da forma típica do patriarcado, cunha Grande Familia patriarcal na política: Thatcher foi a mamai e Reagan o papai que estabeleceron o novo autoritarismo e axudaron ao desmantelar todo o que se conseguira antes. Antes de Thatcher o Reino Unido era un país moi igualitario se se compara có de agora. O medo ao desemprego, ou á doenza e a conseguinte ruina económica, desapareceran. Os ¨banqueiros¨ gañaban un bocadiño mais que os outros empregados, non os millóns de agora. Non había mendigos e os roubos eran poucos. Eu lembro ben que antes de Thatcher non se pechaban os portais de abaixo dos edificios e a porta do noso apartamento, no centro de Londres, estaba case sempre aberta para que os nosos cativos e os dos veciños entrasen e saísen con liberdade. Algunha vez marchamos de férias por mais dun mes deixando xanelas abertas e non pasou nada. Todo iso desapareceu có novo réxime autoritario que trouxo Thatcher: volveu o medo ao desemprego, volveron os mendigos ás rúas e houbo que pechar as casas porque aumentaron os roubos e a violencia. Thatcher afirmou, mentras destruia o tecido social, que ¨there is no such thing as society¨ (¨a sociedade non existe¨), e dixo tamben que era a familia a que tiña que cuidar dos que precisasen cuidados, non o Estado. As duas cousas son típicas do patriarcado: promover a familia-clan que protexe ao seus e ataca aos demais, e fomentar o salvaxismo e a desprotecion na sociedade para que as elites se podan aproveitar. Volveron a imporse a inxusticia, o abuso e a desigualdade e, mentras o patriarcado exista, sempre se volveran a impor ainda que semelle que desaparecen por en cuanto.

O patriarcado conseguiu, moi axudado pola orixen divina que lle atribuiron os que manexaron as relixions, inferiorizar xa de primeiras a metade do mundo, as mulleres, facendo que nasceran diminuidas, mutiladas e desprezadas na familia patriarcal. Inferiorizou tamben a case a outra metade por seren de clase social baixa, por non teren a relixión debida, por seren negros, amarelos ou vermellos, ou por seren pobres e ignorantes, para que quedase unha elite minúscula de xentes con direito a escravizar aos demais. E, mentras o patriarcado exista, a liberdade ou igualdade que consigan as mulleres estaran envenenadas e a elas tocaralles a pior parte sempre.

O patriarcado non vai querer nunca que as mulleres deixen de ser as cuidadoras da familia e que non cumplan o papel que lles foi asignado, e muito menos que deixen de colaborar có sistema, porque sen esa colaboracion se desmoronaría. Por iso as maiores emboscadas e armadillas para as mulleres estan na familia e na maternidade a estilo patriarcal.

Advertisements
Advertisements
%d bloggers like this: