O sentimento inculto

O patriarcado decretou que o home era cerebro e a muller corazón. O sentimento era cousa de mulleres e non habia que formalo nen cultivalo. Como a muller non tiña cerebro e deixábase levar polo sentimento, non podía enxuiciar con obxetividade, e por iso non se lle permitiu ser xuiz até tempos recentes. Esa segregación do intelecto e o sentimento levou a  que non se formase ben nengunha desas duas faculdades e a que o ¨corazón¨ sobretudo quedase inculto.

O sentimento hai que formalo, como hai que formar o intelecto, tanto nos homes como nas mulleres. O intelecto e o sentimento sen formar e sen educar non funcionan ben, nen a nivel individual nen colectivo, porque non teñen forza para sair do automatismo e do que foi implantado neles.

Do sentimento sen polir nen refinar xurde o sentimentalismo, que é sentimento de pouca calidade e doado de manexar polos que teñen poder. No plantexamento das guerras e no culto ás ¨celebridades¨ vese o doado que é de manexar o sentimento sen calidade e o moito que serve ese lado ¨feminino¨ para implantar autoritarismo e inxusticia.

Para tecer as guerras mobilízase o ¨feminino¨  envolvendo en sentimentalidade os motivos que levan a elas e móvese con propaganda o corazón para que o roubo e a matanza semellen necesarios e xustificábeis. Nestes últimos tempos  pintouse seguido unha situación na que había que salvar a un país dun tirano terríbel que non deixaba ter democracia. En nome desa democracia que había que lles dar a Iraque, Líbia, Síria, Afeganistan e Ucránia intrigouse e enredouse até que se conseguiu a guerra. As guerras ¨humanitarias¨ son exemplo do fácil que é manipular o sentimento amorfo e sen calidade que cré todo o que lle din e cobiza todo o que lle apresentan como desexábel.

O culto ás ¨celebridades¨ é outro exemplo de como o patriarcado se vale do sentimento inculto para impor a admiración aos ricos e facer que todo o mundo quera ser elite e ¨celebridade¨.  As ¨celebridades¨ son produtos igual de artificiais que os alimentos que conseguen vender nos supermercados sustituindo os naturais para obter mais ganancia. Uns e outros adéntranse no sentir e fanse querer con propaganda e mercadoloxia, porque do sentimento xurde o que se quer e o que se cobiza e ambiciona. O lado ¨feminino¨que fomenta e utiliza o patriarcado  é o sentimento consumista, defeituoso, automático e doado de inducir e suxeitar.

Advertisements
Advertisements
%d bloggers like this: