A nai patriarcal

O patriarcado asignoulle ao home o papel estrelar de continuador da familia e criador de estirpe, e á muller o papel escuro e subordinado de facer fillos para entregalos ao home e á familia. A muller nasce no patriarcado para ser nai, e non se lle permiten desviacions do destino que ten marcado. A esterilidade considerouse un castigo dos deuses. Non ser capaz de dar fillos ao home foi motivo de repudio e expulsion do tronco familiar. Se a muller coa que un home casaba non lle daba un fillo varon, que era o único que podía continuar o apelido e a estirpe, esa muller era sustituida por outras até chegar á que funcionase e cumprise o deber feminino.

O de que só o fillo varón puidese dar continuidade á familia levou ao repudio e desprezo de moitas mulleres e a prácticas, habituais en moitas sociedades, de matar ou abandonar as fillas recén nacidas e, agora que é posíbel escoller o sexo dos que van nacer, de escoller que nazan só varóns.

A muller na sociedade patriarcal só consegue categoría e influencia cando vira nai de fillos varons. Outórgaselle enton categoria porque cumpre o seu deber de producir ese ser superior que é o varon, e consegue influencia porque, ainda que sexa inferior como muller, os fillos estarán apegados a ela e absorberán os sentimentos e a vision do mundo que ela transmite. O lóxico sería que a nai fose a principal educadora dos fillos, mas o patriarcado deixou ás mulleres sen educacion e sen formacion intelectual para que non puidesen facelo e debilitounas coa ignorancia, a falta de recursos e a dependencia en que as fixo viver. Que ainda hoxe nos países mais adiantados a idea da nai como principal educadora dos fillos resulte difícil ou imposíbel de aceitar, pode dar idea de até que ponto o patriarcado impon que o destino da muller é ter fillos físicamente e influir neles emocionalmente, pero non educalos nen cuidalos.

Advertisements
Advertisements
%d bloggers like this: